BASES DA CONVOCATORIA.
PROGRAMACIÓN ARTÍSTICA PALCO 2026
1. PARTICIPACIÓN NA CONVOCATORIA
Obxecto da convocatoria
A programación artística de PALCO pretende reunir unha selección de proxectos musicais que amosen a diversidade, a calidade e o momento creativo da música galega actual.
Requisitos de participación
Poderán participar artistas e bandas que cumpran os seguintes requisitos:
• Ter domicilio social ou actividade principal en Galicia.
• Dispoñer dun repertorio orixinal e dun proxecto artístico activo.
• Contar con material promocional actualizado.
• Estar en disposición de emitir factura legal pola actuación.
• Aceptar integramente estas bases.
Número de propostas seleccionadas
A convocatoria seleccionará un máximo de 10 propostas artísticas para formar parte da programación oficial de mostras musicais de PALCO 2026. A selección final poderá axustarse en función das necesidades de programación.
Cada proposta realizará unha actuación cunha duración aproximada de 40 minutos.
A organización definirá os horarios, espazos e condicións técnicas de cada actuación.
Criterios de valoración
A selección será realizada por unha comisión profesional designada por AGEM, que valorará especialmente:
• A calidade artística e técnica da proposta.
• A identidade e singularidade do proxecto.
• O potencial de circulación e proxección profesional.
• A solidez do proxecto e da súa estrutura de ‘management’.
• A presentación de novos traballos discográficos ou espectáculos.
• A adecuación da proposta ao contexto profesional do encontro.
• A diversidade estilística e de formatos dentro da selección final.
A organización velará por construír unha programación plural e representativa da diversidade da música galega actual.
Quedarán excluídas aquelas propostas que promovan discursos racistas, xenófobos, machistas ou LGTBI-fóbicos ou que vulneren os dereitos fundamentais das persoas.
Calendario da convocatoria
• Apertura da convocatoria: 1 de xullo de 2026.
• Peche da convocatoria: 31 de xullo de 2026.
A participación nesta convocatoria implica a dispoñibilidade do artista ou banda durante as datas de celebración de PALCO 2026.
Canle de presentación
As propostas deberán presentarse exclusivamente a través do formulario oficial dispoñible nesta web.
Non se admitirán propostas enviadas por outras vías.
Cada artista ou banda deberá presentar un único formulario por proposta artística.
2. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
Condicións técnicas
A organización porá á disposición das propostas seleccionadas:
• escenario;
• equipo de son e iluminación;
• persoal técnico; e
• ‘backline’ básico.
As bandas seleccionadas deberán adaptarse ás condicións técnicas, aos tempos de montaxe e ás dinámicas de produción establecidas pola organización.
Condicións económicas
Os artistas e grupos seleccionados percibirán unha remuneración de 200 € + IVE por cada membro do equipo, entendendo como tales intérpretes e perfís técnicos (ata un máximo de 3 persoas neste último caso), cun máximo total de 1000 € + IVE por formación, pola realización da mostra musical.
Ademais, a organización ofrecerá unha achega adicional de 150 € por formación, destinada a gastos de desprazamento.
Os artistas e grupos seleccionados asumirán calquera outro gasto adicional relacionado coa súa participación na mostra musical.
Obrigas fiscais e laborais
Os artistas e empresas representantes deberán estar dados de alta e ao corrente das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.
3. DIFUSIÓN E DEREITOS DE IMAXE
A participación nesta convocatoria implica a autorización á organización para:
• utilizar fotografías, vídeos e materiais promocionais facilitados;
• realizar fotografías e gravacións audiovisuais das actuacións; e
• difundir ese material en medios de comunicación, redes sociais, plataformas dixitais e soportes promocionais vinculados á promoción de PALCO e dos proxectos participantes.
As persoas participantes garanten dispoñer dos dereitos necesarios sobre os materiais facilitados.
4. PROTECCIÓN DE DATOS
Consonte a normativa vixente en materia de protección de datos, a información facilitada será utilizada exclusivamente para a xestión da convocatoria e da programación de PALCO 2026.
As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición a través das canles oficiais de contacto de PALCO.
5. MODIFICACIÓNS E CANCELACIÓN
A organización resérvase o dereito de modificar horarios, espazos e condicións técnicas ou mesmo cancelar actividades por causas de forza maior ou circunstancias alleas á súa vontade.
Calquera modificación seralles comunicada ás propostas seleccionadas coa maior antelación posible.
6. ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación nesta convocatoria implica a aceptación íntegra destas bases e das decisións adoptadas pola organización e pola comisión de selección en relación co proceso de valoración e programación.