BASES DA CONVOCATORIA.

PRESENTACIÓNS BREVES | PITCHING DE PROXECTOS PALCO 2026

 

1. PARTICIPACIÓN NA CONVOCATORIA


Obxecto da convocatoria

Esta convocatoria ten por obxecto seleccionar proxectos empresariais, profesionais e conceptuais vinculados á industria musical para seren presentados en formato breve no marco de PALCO 2026.
Esta sesión está dirixida a iniciativas de servizos, infraestruturas, innovación, tecnoloxía, mediación, formación, comunicación, distribución, internacionalización ou novos modelos de negocio.

Requisitos de participación

Poderán participar nesta convocatoria proxectos impulsados por:
    • emprendedores e emprendedoras;
    • promotores e promotoras culturais;
    • axencias e oficinas profesionais;
    • empresas de servizos vinculadas á música;
    • ‘startups’ e iniciativas innovadoras relacionadas co sector musical.
Quedan excluídas desta convocatoria as propostas de carácter estritamente artístico, incluídas bandas, solistas ou presentacións centradas exclusivamente no lanzamento dun artista ou proxecto discográfico concreto.

Número de propostas seleccionadas

A convocatoria seleccionará un número limitado de proxectos para formar parte da sesión oficial de presentacións breves de PALCO 2026. A selección final poderá axustarse en función das necesidades de programación.
Cada proxecto disporá dun tempo máximo de 5 minutos para a súa presentación.
A organización definirá os horarios, a orde de intervención e as condicións técnicas da sesión.

Criterios de valoración

A selección será realizada por unha comisión profesional designada pola organización, que valorará especialmente:
    • o interese e a pertinencia da proposta para a industria musical;
    • o grao de innovación e orixinalidade;
    • a viabilidade e solvencia do proxecto;
    • o potencial de impacto e desenvolvemento;
    • a capacidade de achega ao ecosistema musical;
    • a claridade expositiva e a adecuación ao formato de ‘pitching’.
A organización velará por conformar unha selección plural, sólida e representativa da diversidade de proxectos e iniciativas vinculadas á industria musical.
Quedarán excluídas aquelas propostas que promovan discursos racistas, xenófobos, machistas ou LGTBI-fóbicos ou que vulneren os dereitos fundamentais das persoas.

Calendario da convocatoria

    • Apertura da convocatoria: 1 de agosto de 2026.
    • Peche da convocatoria: 31 de agosto de 2026.

A participación nesta convocatoria implica a dispoñibilidade da persoa ou entidade solicitante durante as datas nas que se leve a cabo PALCO 2026.

Canle de presentación

As propostas deberán presentarse exclusivamente a través do formulario oficial dispoñible nesta web.
Non se admitirán propostas enviadas por outras vías.
Cada persoa ou entidade solicitante deberá presentar un único formulario por proxecto.

 

2. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

 

Condicións técnicas

A organización porá á disposición dos proxectos seleccionados:
    • espazo de presentación;
    • medios técnicos básicos de son e proxección;
    • asistencia técnica; e
    • soporte para presentación dixital ou audiovisual, se fose o caso.
As persoas ou entidades seleccionadas deberán adaptarse ás condicións técnicas, aos tempos de intervención e ás dinámicas de produción establecidas pola organización.

Condicións económicas

A participación nesta actividade non leva asociada remuneración económica.
Os proxectos seleccionados asumirán os gastos derivados da súa participación, incluídos desprazamento, aloxamento e calquera outro custo adicional.

Obrigas fiscais e laborais

As persoas, profesionais ou entidades participantes deberán estar en disposición de cumprir coas obrigas fiscais e laborais que lles resulten de aplicación á súa actividade.

3. DIFUSIÓN E DEREITOS DE IMAXE

A participación nesta convocatoria implica a autorización á organización para:
    • utilizar os materiais promocionais e documentación facilitados;
    • realizar fotografías e gravacións audiovisuais da sesión; e
    • difundir ese material en medios de comunicación, redes sociais, plataformas dixitais e soportes promocionais vinculados á promoción de PALCO e dos proxectos participantes.
As persoas participantes garanten dispoñer dos dereitos necesarios sobre os materiais facilitados.

 

4. PROTECCIÓN DE DATOS

Consonte a normativa vixente en materia de protección de datos, a información facilitada será utilizada exclusivamente para a xestión da convocatoria e da programación de PALCO 2026.
As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición a través das canles oficiais de contacto de PALCO.

5. MODIFICACIÓNS E CANCELACIÓN

A organización resérvase o dereito de modificar horarios e condicións técnicas ou mesmo cancelar a sesión por causas de forza maior ou circunstancias alleas á súa vontade.
Calquera modificación seralles comunicada ás propostas seleccionadas coa maior antelación posible.


6. ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación nesta convocatoria implica a aceptación íntegra destas bases e das decisións adoptadas pola organización e pola comisión de selección en relación co proceso de valoración e programación.