QUE É PALCO?

MISIÓN

Galicia e a súa industria musical

A música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe. Vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda.

Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global.

E PALCO nace para reunir esa realidade.

Faino como punto de encontro para darlle visibilidade ao talento, fortalecer vínculos e xerar novas oportunidades. Un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.

Porque a música medra cando circula. Cando conecta persoas, ideas e proxectos e cando atopa contextos que favorecen o intercambio, a creación de alianzas e a apertura de novos horizontes.

Durante tres días, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical —principalmente a galega— conversa e se proxecta, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro.

PALCO será o escenario da música galega, no que os e as profesionais do sector serán protagonistas.

Benvidas e benvidos a PALCO, onde Galicia conecta a industria musical.

OBXECTIVOS
Cinco razóns para formar parte de PALCO

Visibilidade

Visibilidade

Dar foco ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego

Conexión

Conexión

Favorecer relacións entre artistas, empresas, programación e institucións

Oportunidades

Oportunidades

Xerar contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento do sector

Circulación

Circulación

Impulsar a presenza da música galega en novos espazos e redes

Proxección

Proxección

Reforzar Galicia como territorio de creación e industria musical

EQUIPO ORGANIZADOR

PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, organizado por AGEM e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do Plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.

Así, a súa estrutura e os seus contidos despréndense da colaboración entre entidades, profesionais e axentes do ecosistema musical galego, que participan de forma activa na definición e no desenvolvemento da iniciativa. A través desta metodoloxía de traballo compartido, PALCO materializa unha visión colectiva do sector e aspira a consolidarse como un espazo de encontro, intercambio e impulso capaz de fortalecer os vínculos profesionais, xerar novas oportunidades e contribuír ao desenvolvemento dunha industria musical galega máis conectada e articulada e con maior capacidade de proxección.

 

Xunta de galicia Galicia Calidade Xacobeo 2027 Asociación Galega de Empresas Musicais

SOBRE AGEM

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música en vivo: produtoras, promotoras, representantes, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e cos espectáculos.

AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou ao aire libre e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluídos a actividade comercial, a representación de artistas, festivais, distribución e xestión.

Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo.

As socias da AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto no ámbito fonográfico como no editorial en producións audiovisuais: longametraxes, curtametraxes, documentais e publicidade.

O impulso industrial propiciado pola AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.

  

SOBRE Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é a entidade instrumental da Xunta de Galicia que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego mediante a cooperación na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables.

Creada en 2008, o seu ámbito de actuación engloba a totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais, empresas e industrias culturais, co obxectivo de acadar a súa máxima difusión.

Dependen tamén da Agadic o Centro Dramático Galego, como unidade de produción e promoción teatral que inclúe a xestión do Salón Teatro de Santiago de Compostela; o Centro Coreográfico Galego, dedicado á produción e difusión da danza; e a Filmoteca de Galicia, dedicada á difusión, conservación e arquivo audiovisual.