No marco de PALCO celébrarase, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.
Esta segunda edición dos Premios PALCO terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela a noite do martes 3 de novembro. Será un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
Neste 2026, os Premios PALCO regresan dar resposta ao gran momento que está a vivir a música galega, cunha madurez e unha diversidade extraordinarias. Queremos celebralo e agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o crecemento da nosa industria e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten o sector nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia. Un ano máis, os Premios PALCO pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico.
Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.